Presentación

Presentación

O Tribunal de Contas é un órgano de control externo recoñecido na Constitución Española que se configura como o supremo órgano fiscalizador das contas e da xestión económica do sector público, sen prexuízo da súa función xurisdicional encamiñada ao axuizamento da responsabilidade contable en que incorran os que teñan ao seu cargo o manexo de fondos públicos. Tamén se lle atribúe o control da contabilidade e da actividade económico-financeira dos partidos políticos, así como o das achegas que reciban as fundacións e asociacións vinculadas ás formacións políticas con representación parlamentaria.

Depende directamente das Cortes Xerais, exercendo as súas funcións por delegación delas no exame e comprobación da Conta Xeral do Estado. Non obstante, o Tribunal de Contas goza de plena independencia para o exercicio das súas funcións, recoñecéndose constitucionalmente que os membros do Tribunal gozarán da mesma independencia e inamobilidade e estarán sometidos ás mesmas incompatibilidades que os Xuíces.

A función fiscalizadora do Tribunal de Contas refírese ao sometemento da actividade económico-financeira do sector público aos principios de legalidade e de boa xestión financeira (economía, eficacia e eficiencia). Os resultados da fiscalización expóñense mediante informes, memorias, mocións e notas, que se aproban polo Pleno do Tribunal e se elevan, ás Cortes Xerais e, no que lles afecte, ás Asembleas Lexislativas das Comunidades Autónomas e aos Plenos das Corporacións locais.

Sala de Justicia

 

A función xurisdicional consiste no axuizamento da responsabilidade contable en que incorran os que teñan ao seu cargo o manexo de fondos públicos, sempre que se producise un menoscabo ou prexuízo nestes. O Tribunal de Contas é único na súa orde e estende a súa xurisdición a todo o territorio nacional, sen prexuízo de que as sentenzas da Sala de Xustiza do Tribunal sexan susceptibles de impugnación mediante o recurso de casación -e, no seu caso, extraordinario de revisión- ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Supremo.

A organización do Tribunal de Contas responde ás dúas funcións sinaladas, ao establecerse como órganos do Tribunal, entre outros, as Seccións de Fiscalización e de Axuizamento, que se encontran estructuradas en Departamentos para o mellor cumprimento dos seus labores.

Á marxe do Tribunal de Contas, constituíronse diversos Órganos de Control Externo das Comunidades Autónomas, baixo distintas denominacións, que exercen unha función fiscalizadora sobre as Administracións autonómicas e locais dos seus respectivos ámbitos territoriais, sen que iso exclúa a competencia do Tribunal para fiscalizar a totalidade do sector público español. Non obstante, o axuizamento contable é unha xurisdición exclusiva do Tribunal de Contas.